CRTVG

Buscar

O Goberno di que Cataluña aínda non fixo unha proposta sobre áreas sanitarias

Publicado o 04/05/2020 10:18
O Goberno di que Cataluña aínda non fixo unha proposta sobre áreas sanitarias

A vicepresidenta cuarta e ministra de Transición Ecolóxica, Teresa Ribeira, dixo que aínda non chegou "ningunha proposta concreta" por parte da Generalitat para que o desconfinamento en Cataluña se realice por rexións sanitarias e non por provincias.

Así o dixo nunha entrevista en televisión en contraste co anunciado polo Goberno catalán, que sostivo que o ministro de Sanidade, Salvador Illa, aceptou este domingo a proposta da Generalitat de que as rexións sanitarias e non as provincias sexan o marco de referencia para o  desconfinamiento en Cataluña. Unha medida que tamén propoñen outros gobernos autonómicos como o o galego.

Ribeira comentou que "varias comunidades dixeron que teñen interese en usar unha unidade territorial diferente á provincia como referencia para a xestión do seu proceso, pero esta semana veremos que propostas presentan", aínda que dixo que Illa falou coa conselleira catalá de Saúde, Alba Vergés, "pero aínda non chegou ningunha proposta concreta".

Segundo a ministra o Goberno terá que ver "cal é a proposta da Generalitat, e como facer, co aval da información e as propostas xustificadas, que isto teña sentido ou non", e asegurou que "todo vai por bo camiño e que haberá acordo con Cataluña e cos demais".

"Desde o principio sinalamos que a unidade territorial máis adecuada era por provincias, e tamén dixemos que podía haber excepcións suficientemente xustificadas, que acreditasen o cumprimento de todos os requisitos”, xustificou Ribeira.

Para Ribeira, "a decisión final ten moito que ver coa cogobernanza, avalado polo que digan os expertos e técnicos de Sanidade, pero cun debate e diálogo entre os gobernos autonómicos e o ministro de Sanidade".

O Govern sostén que Salvador Illa aceptou este domingo a proposta da Generalitat de que as rexións sanitarias e non as provincias sexan o marco de referencia para o desconfinamento en Cataluña.

Fontes do departamento de Saúde da Generalitat informaron de que a conselleira Alba Vergés mantivo o domingo pola tarde unha conversación telefónica co ministro Illa, en que a representante da Generalitat insistiu na necesidade de que a desescalada do confinamento en Cataluña teña como marco as rexións sanitarias e non as provincias, como expuxo inicialmente o Goberno.

Illa aceptou esas circunstancias, segundo sosteñen as fontes da Generalitat, que anunciaron que a consellería de Saúde enviará propostas por rexións sanitarias e, se detectan algunha necesidade específica, engadirán Áreas Básicas de Saúde ou agrupacións deste tipo de áreas.

 

Noticias web

04/05/2020