CRTVG

Buscar

O Goberno non cambiará a lei e lembra que se pode pedir o estado de alarma autonómico

Publicado o 10/05/2021 14:55
O Goberno non cambiará a lei e lembra que se pode pedir o estado de alarma autonómico

O ministro de Xustiza aclarou que non se prepara ningunha reforma legal para restrinxir dereitos fundamentais tras a fin do estado de alarma. Ademais, lembroulles aos gobernos autonómicos que poden pedirlle ao Executivo central aplicar o decreto desta medida extraordinaria no seu territorio para, por exemplo, establecer un toque de queda.

Juan Carlos Campo fixo estas precisións en La Sexta tras sinalar, nunha columna publicada no xornal El País, que "se estudarán e proporán ás Cortes" cambios legais adicionais se o consideran necesario tras o pronunciamento do Supremo (encargado de decidir, en última instancia, que restricións de dereitos fundamentais pode aprobar un goberno autonómico).

O Executivo canario anunciou xa un recurso logo de que o Tribunal Superior de Xustiza da comunidade non autorizara nin o toque de queda nin o peche perimetral que quería impoñer.

Estado de alarma por territorios

Segundo Campo, un goberno autonómico non pode acordar un toque de queda pero si pedirlle ao Executivo central que se decrete o estado de alarma no seu territorio para aplicar esa medida.

É a mensaxe que lle lanzou ás comunidades gobernadas polo PP ante as incesantes críticas ao Executivo de Pedro Sánchez: se ven necesario o estado de alarma, que o pidan para o seu territorio.

O que o Goberno non pode facer, ao seu xuízo, é manter a excepcionalidade que supón ese estado para todo o territorio, tendo en conta a diferente incidencia da pandemia en cada comunidade e o avance da vacinación.

"Bastante lamentable"

O ministro considerou "bastante lamentable" a situación vivida esta fin de semana en moitas cidades ao rematar o estado de alarma, con festas e botellóns multitudinarios. Así e todo, subliñou que "non hai necesidade ningunha de facer un cambio normativo agora mesmo" porque comunidades e concellos teñen "un arsenal normativo" para impedilo.

Os gobernos autonómicos poden poñer horario de peche á hostalería e aos comercios. Ademais, salientou, organizar botellóns, por exemplo, está xa prohibido por ordenanzas municipais.

Segundo Campo, o PP e os gobernos autonómicos que lidera ese partido "prefiren que as decisións as tomen outros", "que outro lle poña o cascabel ao gato", e tachou de " infumable" a reforma legal que expoñen, ao deixar nas mans das comunidades a restrición de dereitos fundamentais.

Ao seu entender, deben ser a xustiza a que determine a proporcionalidade das medidas que afecten a dereitos e o Supremo será o encargado de unificar criterios e dar seguridade xurídica, nun proceso que durará unha semana ou semana e media.

Sánchez ratifica que non se necesitan reformas legais Atenas,

O presidente do Goberno, Pedro Sánchez, ratificou este luns, unha vez levantado o estado de alarma, que as comunidades autónomas contan con todos os instrumentos necesarios para facer fronte á situación sen necesidade de acometer reformas legais. Sánchez, nunha comparecencia en Atenas tras participar nun foro económico xunto ao seu homólogo grego, Kyriakos Mitsotakis, referiuse ao fin do estado de alarma e, ante as imaxes de aglomeracións nas rúas tras a súa finalización, instou a non baixar a garda.