CRTVG

Buscar

O Goberno nega desaceleración na creación de emprego

Publicado o 25/04/2019 17:01

A ministra de Economía avalía positivamente estes datos e nega que haxa desaceleración na creación de emprego. Calviño di que os datos da enquisa melloran as expectativas do Executivo, que estima que a taxa de paro pode situarse este ano por debaixo do 14%.

Nadia Calviño, ministra de Economía: "Estamos ante o mellor dato de ocupación e de paro nun primeiro trimestre nos últimos 11 anos. Creáronse máis de 1.600 empregos ao día de media no último ano. A previsión do Goberno é que finalicemos o ano cunha taxa de paro do 14%, ou mesmo por debaixo".

Dende a oposición non comparten este optimismo. Pablo Casado di que son os peores datos do paro en seis anos e culpa ás políticas demagóxicas do Goberno... O líder de Ciudadanos cre que os datos reflicten a necesidade de abordar reformas urxentes no mercado laboral.

Albert Rivera, presidente de Ciudadanos: "Cando un país non fai os deberes, cando chega o exame, suspende. E España leva sen facer os deberes do mercado laboral 30 anos. Somos o país con máis paro estrutural, xunto a Grecia, de Europa". 

Pablo Iglesias. secretario xeral de Podemos: "Parécense aos dos últimos trimestres en creación de emprego. Os que anunciaban a catástrofe, se se subía o salario mínimo, ven que non. Hai que seguir subindo o salario mínimo para parecernos aos países da nosa contorna".

Pablo Casado, presidente do Partido Popular: "Son os peores datos de emprego dende o ano 2013, os peores en materia de destrución e paro dende hai seis anos. Hoxe coñecimos que por culpa de Pedro Sánchez e as súas políticas demagóxicas, 50.000 persoas foron ao paro".

Os sindicatos maioritarios instan o Goberno que saia das eleccións a que tome medidas inmediatas para impulsar a creación de emprego e reverter a precarización.

Unai Sordo, secretario xeral de CCOO: "Destruíuse menos emprego que no primeiro trimestre do ano anterior. Pese a isto, seguimos tendo unha taxa disparatada de paro, necesitamos políticas económicas que sitúen no centro a creación de emprego e a loita contra a precariedade". 

Pepe Álvarez, secretario xeral da UXT: "España ten un problema moi grave de creación de emprego de calidade. Isto dígoo este ano, pero podería dicilo o anterior, ou o anterior... Nós cremos que hai que avanzar cara a un cambio de modelo produtivo".

Noticias web

25/04/2019