CRTVG

Buscar

O Goberno impulsa o autoconsumo e aproba un plan contra parados de longa duración

Publicado o 05/04/2019 20:46

O Goberno aproba o decreto de autoconsumo enerxético. Facilita a compensación pola electricidade sobrante e permite que varios particulares poidan agruparse para produciren a súa propia enerxía.  O Consello de Ministros tamén deu luz verde a un plan para promover o emprego dos parados de longa duración.

Ata agora, o autoconsumidor de enerxía só podía ser individual. O novo decreto permite que unha mesma instalación provea varios domicilios. Tamén se poderán instalar placas en edificios diferentes á vivenda con mellor orientación. A compensación pola electricidade sobrante que se verta á rede limítase a descontos de ata o 100% da factura. Teresa Ribera, ministra para a Transición Ecolóxica: "Non se produce un intercambio de diñeiro, non se pode superar ou esixir unha compensación máis aló do que se consuma da rede. Só se pode facer como unha variable de participación no sistema enerxético, pero non como un negocio de xeración"

O Goberno tamén aprobou cambios no bono social para adaptalo ás condicións climáticas de cada rexión, de tal xeito que poida permitir instalacións de aire acondicionado ou distintos consumos de auga quente. Prohibe o corte de luz por falta de pago en condicións meteorolóxicas extremas. O Ministerio de Emprego presentou ademais un plan a 3 anos para empregar medio millón de parados de longa duración.

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

05/04/2019