CRTVG

Buscar

O gasóleo, por debaixo de 1 euro o litro en moitas gasolineiras

Publicado o 04/05/2020 13:02

O gasóleo baixou tanto que a día de hoxe marca prezos que non se vían dende había anos. De feito, en moitas estacións de servizo o combustible para os motores diésel xa se vende por menos dun euro o litro. É o caso desta gasolineira do polígono do Ceao, a máis económica de Lugo capital, onde o gasóleo ten un prezo de 92 céntimos.

Manuel Rey, encargado da gasolineira Masmar Oil de Lugo: "O gasóleo témolo por debaixo do euro xa dende o 1 de abril. Si é certo que a xente de paso, ao ver este prezo, pois loxicamente para encher."

"Ben, porque teñen o gasóleo máis barato e ademais atenden moi ben. O principal motivo para vir aquí é que teñen un servizo cun gasóleo moi barato, atenden eles e atenden moi ben. Eu estou moi contento do servizo".

"É bastante barato, pero aínda podía baixar máis, que o barril baixou moito e os prezos nas gasolineira non baixan tanto", sinalan os clientes.

Dende o comezo da crise sanitaria o prezo do gasóleo experimentou unha baixada próxima aos 25 céntimos por litro. A razón principal foi a caída do consumo.

Manuel Rey, encargado da gasolineira Masmar Oil de Lugo: "O gasóleo, ao non haber un consumo como debería haber, é normal, porque sae das refinerías e non se vende. O consumo non existe e os prezos teñen que caer, claro".

"Baixou moitísimo. Para encher o depósito dun camión, tes unha diferenza de case 30 euros", engade outro cliente.

Así e todo, a tendencia á baixa no prezo dos carburantes xa se comezara a apreciar antes do inicio da crise sanitaria.

Noticias web

04/05/2020