CRTVG

Buscar

Telexornal Mediodía

O gas producido nas depuradoras de auga podería destinarse a uso comercial

Publicado o 14/03/2017 14:50

O gas que se produce no proceso de depuración das augas residuais dunha cidade como A Coruña podería alimentar o consumo enerxético anual de preto de 3.000 vivendas. É unha das bases dun proxecto de investigación que desenvolve Gas Natural Fenosa e o centro tecnolóxico EnergyLab co financiamento da Xunta de Galicia e da Unión Europea.

Galicia conta cun elevado potencial de produción de biogás, arredor de 60 millóns de metros cúbicos, que se xeran a partir dos procesos de depuración das augas. Estas instalacións da EDAR da Coruña van servir de campo de probas para un proxecto pioneiro en España que depurará o gas para poder destinalo a uso comercial. Os cálculos apuntan a que se podería alimentar un frota de 80 autobuses diarios ou cubrir o consumo enerxético de 2.900 vivendas durante un ano.

A Xunta de Galicia colabora a través da Axencia Galega de Innovación neste proxecto que coloca a nosa comunidade como referente.

"Galicia pode ser exemplo de innovación, de exportación e de mellora da calidade de vida", di Francisco Conde.

Galicia conta con 24 unidades de investigación semellantes a esta, ás que se destinan 87 millóns de euros e que xera 360 empregos de alta cualificación.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí