CRTVG

Buscar

'O Gardián Benemérito', a xeolocalización a través de móbil para reforzar a seguridade no Camiño de Santiago

Publicado o 14/07/2019 10:56
'O Gardián Benemérito', a xeolocalización a través de móbil para reforzar a seguridade no Camiño de Santiago

A Garda Civil puxo en marcha unha funcionalidade móbil que reforza a seguridade no Camiño de Santiago coa nova ferramenta “Gardián Benemérito” -vinculada á app Alertcops que permitirá xeolocalizar os peregrinos que a activen nos seus móbiles. A nova funcionalidade “Gardián Benemérito” debe ser habilitada de forma voluntaria polo cidadán, permitindo compartir as súas 10 últimas posicións -enviadas e rexistradas de maneira automática pola App- como peregrino cun centro operativo específico de cordinación e seguemento da Garda Civil, que está activo 24 horas.

Segundo informa a Garda Civil nun comunicado, desta forma poderase coñecer o seguemento de roteiro e o estado de batería e cobertura do dispositivo móbil co que se consegue unha atención rápida e cordinada dos efectivos máis próximos. A outra novidade implementada consiste no envío dunha mensaxe informativa a aqueles usuarios de Alertcops, co contacto telefónico da Garda Civil (062) acompañado dunha mensaxe con consellos de seguridade para o peregrino.

A Garda Civil, lembra na nota, é a principal forza de seguridade pública ao longo dos case 1.000 quilómetros de trazado do eixo fundamental do Camiño de Santiago. Por este motivo, o Corpo subscribiu o pasado mes de marzo un procedemento operativo de colaboración coa Asociación de Municipios do Camiño de Santiago Francés ( AMCS) co obxectivo de fomentar, previr, impulsar, concienciar e fortalecer a seguridade cidadá e a preservación do patrimonio histórico-cultural e ambiental ao longo do Roteiro Xacobeo. Como resultado deste acordo, tamén se reforzaron as patrullas mixtas da Garda Civil coa Xendarmería Nacional Francesa e a Garda Nacional Republicana de Portugal nas distintas localidades polas que transcorre o Camiño. Ademais, hai en marcha unha campaña de comunicación levada a cabo entre a Garda Civil e a AMCS, que consiste na repartición de folletos informativos con consellos de seguridade para o peregrino.