O garavanzo bágoa, un cultivo de luxo en Coristanco
Para xuntar un quilo de garavanzo bágoa hai que apañar arredor de dúas mil destas vaíñas.
É custoso, porque hai que escollelas unha a unha e á man, para apañalas xusto no seu punto: "non pode estar xa seco, pero ten que ter o froito xa formado, e aí está o difícil", di Lucía Calvo, produtora do garavanzo.
Probaron unhas trinta variedades ata dar coa ideal: buscaban un garavanzo para consumir en verde, que conservase a auga precisa para unha textura tenra, e que á vez concentrase en tan pouco tempo o aroma e o sabor que o fan tan especial.
Segundo di Lucía, deixa un sabor a froitos secos na boca.
Que saiban, son os únicos que conseguiron producir este legume. Cultívano case en exclusiva para a alta restauración, pero este ano abriron outra vía co comercio en liña para amortecer o impacto da crise sanitaria nas vendas.
Está funcionando ben, e xa envían estas casulas a puntos de toda España e Portugal.
Estas xoias verdes son só un dos tesouros que dá esta terra.
Ademais de manter a tradición da pataca de Coristanco, especializáronse no que chaman legumes 'de autor', decididos a facer da explotación familiar unha auténtica despensa de luxo.