O galego Marcos Rodríguez, mellor fotógrafo europeo de reportaxes
O galego Marcos Rodríguez, mellor fotógrafo europeo de reportaxes
Marcos Rodríguez é un fotógrafo de Carballo aínda que dende hai dez anos está asentado en Cee, onde ten un estudio con moito prestixio na realización de álbums de vodas. Pero Marcos tamén se dedica á fotografía de reportaxes e xa por terceira vez consecutiva foi premiado como mellor profesional europeo neste ámbito. Conseguiu o prestixioso galardón, "a cámara de ouro", por dúas imaxes tomadas en Costa de Marfil e unha en Vimianzo, na rapa das bestas.
As fotos que fixo Marcos Rodríguez en Costa do Marfil cóntannos moitas historias. Escenas da vida cotiá que nos falan dunha sociedade que vive en condicións moi precarias e rostros que nos conmoven e que nas súas miradas nos apuntan diectamente á conciencia. Por dúas destas instantáneas e outra tomada en Vimianzo na Rapa das Bestas, Marcos conseguiu o premio ao mellor fotógrafo europeo deste ano na categoría de reportaxe. El explícanos que hai detrás destas fotos galardoadas.
Estas fotos fíxoas Marcos na súa viaxe a Costa de Marfil coa oenegué Egueire, que aquí en Galicia preside o párroco Desiré Kouakou. O premio a Marcos Rodríguez por estas instantáneas de Costa de Marfil pode ser un empurrón á causa humanitaria de Egueire, pero sobre todo é un recoñecemento á traxectoria deste profesional porque xa é a terceira vez consecutiva que Marcos logra este recoñecemento internacional.
Dende o 2009 Marcos ten o seu estudio en Cee, onde se dedica sobre todo á fotografía de vodas, pero durante anos traballou como reporteiro gráfico en varios medios galegos. Dúas actividades que compaxina e nas que sempre pon toda a súa paixón e o seu talento.