CRTVG

Buscar

O galego Diego Martínez leva o Granada ao liderado de Primeira

Publicado o 27/10/2019 21:18

Velaí o galego máis feliz hoxe do fútbol español. O vigués Diego Martínez, adestrador do Granada, que acaba de alcanzar o liderado provisional da Primeira División, aproveitando o aprazamento do clásico e grazas a vitoria esta tarde ante o Betis. Gañou pola mínima, aínda que de forma moi merecida. Un gol de Álvaro Vadillo no minuto 61 valen tres puntos e un liderado na categoría raíña que o club nazarí non conseguía dende hai 46 anos.

Sexto partido que o Granada acaba coa portería a cero, sen que lle impida implementar un xogo atrevido e directo. Desta volta ante un Betis en horas baixas, que tivo nesta falta botada por Canales a mellor ocasión do encontro. A derrrota dos sevillanos mantén ao Celta por riba da liña de descenso, algo que tamén alegrará seguro a Diego Martínez.

Da zona perigosa intenta saír tamén o Español, que se mantén na penúltima praza, malia gañarlle esta tarde ao Levante no Ciutat de Valencia. No minuto 39, un remate nada ortodoxo de Bernardo nun saque de curruncho, propiciou a primeira vitoria de Machín no banco perico. O VAR certificou que o balón pegou no costado. Intentouno, pero o Levante non puido remontar o mal resultado. Sitúase a só dous puntos do descenso. Machín está algo máis aliviado mentres Paco López saíu entre asubíos.


 

Noticias web

27/10/2019