CRTVG

Buscar

O G20 alerta sobre o impacto da guera arancelaria na ralentización da economía

Publicado o 09/06/2019 22:07

Os ministros de Economía e Finanzas do G-20 concluíron, esta fin de semana, que "o crecemento económico mundial é baixo e os riscos de empeoramento son elevados" polas actuais tensións comerciais. Como trasfondo de todo está a dura pugna arancelaria entre os Estados Unidos e a China.

Esta xuntanza, celebrada na cidade xaponesa de Fukuoka, era preparatoria do cumio de mandatarios do G-20 de finais desta mes. A estas alturas o optimismo é limitado ante un inminente acordo entre Trump e Xi Jinping para frear xa esa guerra arancelaria por unha cuestión estratéxica: o mandatario norteamericano tentaría un gran pacto o máis preto posible das eleccións estadounidenses para presentalo como un triunfo persoal.

Desde Fukuoka, Nadia Calviño rebaixaba o impacto desa tensión comercial en España: "Iso explica que viramos nos últimos meses, neste último ano, unha ralentización do noso sector exterior que afortunadamente se viu compensada polo dinamismo da demanda interna e que nos está permitindo manter unhas taxas de crecemento notables".

Na reunión tamén se debateu sobre o imposto aos xigantes de Internet como Google ou Amazon. Francia e o Reino Unido queren actuar a nivel global con esta taxa impositiva e xa a puxeron en marcha nos seus países. Pero para os estadounidenses esta é unha cuestión secundaria que non consideran urxente.

Noticias web

09/06/2019