CRTVG

Buscar

O futuro político do presidente portugués, pendente dunha operación de corazón

Publicado o 11/10/2019 13:41
O futuro político do presidente portugués, pendente dunha operación de corazón

O presidente de Portugal, Marcelo Rebelo de Sousa, anunciou que nunhas semanas vai someterse a un cateterismo cardíaco e que, en función dos resultados, volverá presentarse á reelección como xefe do Estado.

Durante unha entrevista cunha televisión de Portugal, o presidente avanzou que, tras uns exames médicos de corazón aos que se someteu recentemente, van practicarlle un cateterismo para descartar varias dúbidas que xurdiron.

Rebelo de Sousa lembrou que a súa familia paterna tivo problemas de corazón, tanto o seu pai como o seu avó, motivo polo que se someteu ao exame médico.

O cateterismo servirá para comprobar, dixo o presidente, o grao de acumulación de calcio nun vaso sanguíneo do corazón, se é normal ou excesivo.

A decisión de presentarse de novo á reelección, que podería ser dentro de ano e medio, dependerá dos resultados médicos. O xefe do Estado dixo que quería seguir exercendo o seu cargo sendo próximo á poboación e para iso necesita ter o corazón san.