Jácome e Ojea quedarían sos e sen opcións de gobernabilidade
En plena crise no concello de Ourense, hoxe venres hai pleno extraordinario.
É unha sesión importante pola repercusión social que está a ter o concello dende que saltou á luz pública a división interna no grupo do alcalde.
Hoxe formalizarase o cesamento de Miguel Caride, un dos críticos coa xestión de Jácome, quen ocupaba a Concellería de Infraestruturas, que pasará a mans doutro edil supostamente aliado do rexedor.
Tal e como están as cousas, sos á fronte do goberno local, o alcalde Pérez Jácome e o seu aliado, o agora tenente de alcalde Armando Ojea, deberán lidar coa aritmética municipal en contra, ao non contaren nin co apoio do PP nin co dos seus.
Xa onte tiveron que suspender a xunta de goberno local por falta de quorum. Non se poden aprobar nin ordenanzas, nin regulamentos, nin licenzas nin novas aperturas de locais. En definitiva, queda todo paralizado.
Os seguintes pasos dependen do que aconteza hoxe neste pleno.