O futuro de Alcoa entra na conta atrás
• Mañá remata o prazo de negociación do ERE que afecta directamente 534 traballadores
• O comité reúnese esta mañá coa dirección de Alcoa
• Alcoa insiste en apagar as cubas para vender a empresa a Liberty House
Semana crucial esta que entra para Alcoa San Cibrao. Os traballadores manteñen a esperanza de que a multinacional paralice o ERE co que pretendería despedir 534 traballadores da factoría da Mariña.
Hoxe hai dúas xuntanzas importantes. Ás dez da mañá, xuntanza entre a direción de Alcoa e e comité de empresa. José Antonio Zan, presidente do Comité dixo nos Bos días, xusto antes de entrar a xuntanza que ían seguir reclamando "que non paren as cubas", como quere a dirección de Alcoa, porque iso significaría posteriormente "unha venda frustrada" porque ningúen quere unha empresa de alumninio coas cubas paradas.
José Antonio Zan tamén dixo que van pedir que se pare "o expediente de regulación de emprego". Negociacións que en principio rematan mañá, martes.
A dirección de Alcoa está previsto que informe os representantes dos traballadores de como se están desenvolvendo as conversas con Liberty House.
Tras a xuntanza con Alcoa, está previsto que os traballadores se trasladen a Santiago para reunirse co Goberno galego e despois con representantes de Liberty House, a multinacional interesada en comprar a planta.
O comité europeo de Alcoa enviou onte o seu apoio aos traballadores mariñaos, asegurando que o cesamento na produción traería graves consecuencias sociais e económicas para a zona, apoiando tamén que non se pechen as cubas polo prexuízo que suporía.