CRTVG

Buscar

O furacán Iota deixa polo menos 26 mortos e devastación na parte central de América e no Caribe

Publicado o 18/11/2020 23:40

Polo menos 26 mortos e devastación deixou na parte central de América e no Caribe a tormenta tropical Iota, que se disipou este mércores tras azoutar a parte da rexión como un poderoso furacán, o segundo en dúas semanas.

Inundacións, corrementos de terras e miles de evacuados producíronse por mor de Iota nunha América Central fráxil, con chans saturados de auga tras o paso hai dúas semanas de Eta, que causou polo menos 144 mortos, 120 desaparecidos, tres millóns de persoas afectadas, miles aínda en albergues, así como destrución de infraestrutura e sembradíos.

O Centro Nacional de Furacáns (NHC, en inglés) dos Estados Unidos indicou que os remanentes de Iota poden producir, ata o xoves, acumulacións adicionais de choiva de ata uns 20 centímetros en Honduras, Guatemala, Nicaragua, O Salvador e o sur de Belice.

Iota chegou a Nicaragua a noite do luns como un furacán de categoría 5, a máxima posible, e provocou a mortes de 16 persoas, 4 desaparecidas e devastación na Rexión Autónoma do Caribe Norte, a mesma na que o pasado 3 de novembro tocou terra Eta como un furacán de categoría 4 deixando tres mortos.

Iota chegou a Honduras xa degradada a depresión tropical, pero o seu embate deixou polo menos 6 mortos, inundacións e estragos en cultivos e infraestrutura, miles de damnificados e decenas de persoas á espera dun rescate. As perdas en Honduras polos danos causados por Eta, que deixou polo menos 74 mortos, e Iota, poderían superar os 10.000 millóns de dólares, segundo estimacións do non gobernamental Foro Social da Débeda Externa de Honduras.

Iota, que se internou no Salvador antes de disiparse, deixou neste país choiva e vento que provocaron a morte dunha persoa e obrigaron a evacuación de 880.

En Panamá, a choiva asociada a Iota deixou unha persoa morta, polo menos outra desaparecida, bloqueo de camiños e desaloxo dalgunhas comunidades, especialmente no oeste do país, onde a influencia de Eta causou 19 mortos, 12 desaparecidos e danos materiais que o Goberno afrontará cun investimento de máis de 100 millóns de dólares.

Antes de chegar á parte central de América, o furacán Iota arrasou o arquipélago de San Andrés, Providencia e Santa Catalina, no Caribe colombiano, onde deixou polo menos 2 mortos, un desaparecido, varios feridos e miles de damnificados. 

O Goberno colombiano declarou este mércores a situación de desastre no arquipélago, onde a destrución é case total na illa de Providencia. 

Noticias web

18/11/2020