CRTVG

Buscar

O funeral en memoria de Borja Aybar, o piloto falecido tras o desfile militar, celebrarase este mediodía

Publicado o 13/10/2017 08:25

• A Xustiza podería actuar contra varios 'tuiteiros' que se burlaron nas redes da morte deste piloto

Este mediodía celébrase o funeral en memoria de Borja Aybar. Estará presidido pola ministra de defesa e asistirá, entre outras personalidades, o presidente de Castela A Mancha. O capitán Aybar morreu ao estrelarse o avión que pilotaba cando regresaba dos actos da Festa Nacional. Era un piloto experimentado. Tiña 34 anos e deixa muller e un fillo de curta idade.

O aparello sinistrado, un caza Eurofighter do Exército do Aire, regresaba de Madrid tras participar no desfile das Forzas Armadas. Cando o piloto iniciaba a manobra de aproximación para aterrar na base militar dos Llanos, en Albacete, estrelouse contra o chan. Ocorreu pouco despois das doce do mediodía.

Por causas aínda sen determinar, o capitán Borja Aybar non activou o sistema de escape e faleceu no accidente. A súa familia está convencida de que o fixo para evitar unha desgraza maior. O presidente do Goberno e a ministra de Defensa desprazáronse ata o lugar para coñecer de preto as circunstancias do sinistro.

Borja Aybar, de 34 anos, era natural de Puertollano, en Cidade Real. Capitán do Exército do Aire, tiña acumuladas máis de 1.200 horas de voo, a maioría aos mandos de cazas de combate.

A Xustiza podería actuar contra varios 'tuiteiros' que se burlaron nas redes da morte deste piloto. É o caso do asesor de Esquerra Republicana en Hospitalet, Domingo Mir, que escribiu este chío despois do accidente: "Para cando os controles de alcolemia no aire?". Pouco despois pedía desculpas. ERC suspendeuno de militancia con efecto inmediato e abriulle expediente disciplinario. Non foi o único chío que se mofaba ou mesmo celebraba a morte do piloto. A Xustiza podería acusar estas persoas de delitos de odio. 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

13/10/2017