CRTVG

Buscar

O fundador de Ciudadanos Francesc Carreras abandona o partido polo veto a Sánchez

Publicado o 18/07/2019 12:59

O catedrático de Dereito Constitucional xa adiantara a súa renuncia en abril, tras a executiva que decidiu por unanimidade non pactar con Pedro Sánchez. Francesc de Carreras tamén discrepa co achegamento a Vox, e opúxose publicamente á participación de Ciudadanos na manifestación de Colón.

O abandono de Francesc de Carreras súmase ao regueiro de baixas, tras Toni Roldán, Javier Nart e Xabier Pericay. Pero non é un abandono máis: De Carreras é un dos 15 cofundadores de Ciudadanos, e foi quen hai 13 anos atraeu un alumno seu de Dereito, Albert Rivera, ata aquel partido que botaba a andar en Cataluña para opoñerse ao nacionalismo.

Hai meses comezou a facer pública a súa discrepancia coa estratexia do partido, e mesmo instou ao seu líder a recuperar a sensatez e deixar de comportarse como un "adolescente caprichoso". Fíxoo dende un xornal, porque, segundo dixo, Rivera deixou de responder ás súas chamadas.

Ciudadanos non se pronunciou sobre esta nova baixa que afecta o seu núcleo fundacional.

 

Noticias web

18/07/2019