O episodio de frío polar vaise notar en toda a comunidade galega
Esta mañá tivemos unha pequena tregua a nivel de frío cunha pequena suba das temperaturas, pero ollo, que as previsións indican que esta tarde e, sobre todo, esta noite, xa se vai notar ese episodio de aire frío polar.
A provincia de Ourense segue conxelada, e practicamente todas as localidades amenceron baixo cero. Pero as míniminas suavizáronse un pouco e as temperaturas quedaron nos menos 3 graos e medio nas comarcas de Monterrei e Xinzo. Con todo, non se confíen, porque hoxe baixan tamén as máximas e a entrada da masa de aire polar vaise notar máis a partir desta noite, actívase o aviso amarelo polo frío e as temperaturas poderían baixar ata os 10 graos baixo cero.
Así espertou hoxe a comarca de Monterrei. As néboas e as xeadas seguen a ser as protagonistas na provincia de Ourense, despois de varias xornadas de intensa friaxe. Así está praza Maior de Xinzo, aquí co chan conxelado e esvaradío, tiveron que botar man do sal para evitar caídas.
Conxelada segue tamén a fonte da praza da Mercede en Verín. Esta noite as temperaturas suavizáronse un pouco e as mínimas quedaron nos menos tres graos e medio. Con todo, o vento do nordés aumenta a sensación de frío e as máximas non subirán hoxe dos 10 graos.
Ollo, porque o de hoxe é un pequeno respiro, a partir desta noite a entrada da masa de frío polar intensificará a friaxe e as xeadas.
Ata os 10 graos baixo cero poden baixar esta madrugada as temperaturas nas comarcas de Xinzo e Monterrei, as máis frías de Galicia. A Axencia Estatal de Meteoroloxía activa para mañá o aviso amarelo por frío no noroeste e o sur da provincia de Ourense.
En Lugo, a fronte de frío polar non alterará demasiado a situación que se vén dando estes días. As temperaturas mínimas seguirán en valores negativos no interior e as máximas sufrirán un lixeiro descenso sen superar os 10 graos. Para mañá decretouse a alerta amarela para o sur da provincia.
Hoxe Lugo espertaba con temperaturas máis suaves que as dos últimos días. O termómetro cun punto por riba dos 0 graos, aínda que o mercurio volverá a caer a valores negativos mañá, cando máis se faga sentir esa fronte de frío polar.
Cando máis se notará o frío será polo día, xa que baixarán as temperaturas máximas, os termómetros mesmo na Mariña, a carón do mar, non superarán os dez graos. Menos alteración se notará ás mañás e ás noites, seguirán as xeadas e as néboas que xa nos acompañan dende hai unha semana.
Este tempo seco con temperaturas xélidas polas noites seguirá polo menos ata mediados de mes.
E na Coruña non vai ir tanto frío, malia que as temperaturas tamén baixaron. O peor chegará a partir da primeira hora da tarde porque, ademais, o vento do nordés vaise intensificar aumentando a sensación de frío. Xa de madrugada, as mínimas oscilarán entre os 5 e os cero graos, polo que non se desbota que mañá os coruñeses se ergan con xeo a carón da praia.
Na Coruña loce o sol, pero na cara da xente nótase o frío.Porque nin o frío pode con eles. Din que ao mergullarse no mar conseguen ser inmunes ás gripes, ter unha boa saúde e tamén bo humor.
A partir do mediodía, na cidade herculina, comezaron a baixar máis as temperaturas. E máis que van baixar porque a medida que avancen as horas os mercurios seguirán descendendo. Amais, o vento tamén se vai intensificar. O nordés gañará folgos e a sensación térmica será duns catro graos menos do que marquen os termómetros.
Para iso teremos que agardar ata a próxima semana que, segundo as previsións, si comezará a chover. Mentres, continuaremos con anticiclón e a partir da fin de semana as temperaturas vanse recuperar.
En Pontevedra ascenderon un pouquiño as temperaturas respecto a días pasados, pero en concellos como Ponteareas espertaron cos mercurios a menos dous graos baixo cero. O contrapunto atopámolo na costa, onde algunhas localidades poderían acadar os quince graos, aínda que a sensación térmica será máis baixa. Nos concellos do interior será difícil superar os dez graos.
En Pontevedra erguémonos con diferenzas de máis de dez graos de temperatura, dependendo do concello en que vivamos. En Ponteareas, por exemplo, amenceron cos mercurios baixo cero e pasadas as dez da mañá os termómetros aínda non superaban esta marca. Por iso as imaxes que deixa o día nestes lugares son as de coches xeados, campos máis brancos que verdes e moitas capas de abrigo para saír á rúa.
E o contrapunto atopámolo por exemplo en Vigo. Aquí espertaron con frío, pero poderían chegar aos quince graos. Porque en canto sae o sol nas localidades pontevedresas máis próximas á costa as temperaturas son moito máis agradables.
Será complicado que hoxe os concellos do interior de Pontevedra superen os dez graos e o vento do norte está a provocar dende primeira hora do día que a sensación térmica sexa de moito máis frío. Nesta xornada as temperaturas ascenderon un pouquiño, pero Pontevedra prepárase tamén para a noite máis xélida dos últimos días.