CRTVG

Buscar

O frío favorece os cultivos de cereais e do grelo

Publicado o 08/01/2019 14:37

É trigo de inverno. Leva arredor de dous meses sementado. Xa pasou o proceso de afillado, polo que a xeada que cobre as súas follas dende hai días xa non o pode queimar a planta. Pola contra, beneficia o seu crecemento.

Na Limia plántanse ao redor de 15.000 hectáreas de cereal ao ano. Máis do 60 % é cereal de inverno, moito máis produtivo que o de primavera e capaz de aguantar temperaturas moito máis frías das que se rexistraron estes días en Xinzo.

A Limia é o celeiro de Galicia. Recolle ao redor do 60 millóns de quilos de cereal, uns 40 millóns da variedade de inverno, aínda que as tres últimas colleitas non foron boas por mor das intensas chuvias e das xeadas fóra de tempo.

O frío tamén lle vai ben ao grelo

Esta é unha das imaxes máis habituais na N-550 ao seu paso polo concello de Ordes. Particulares que cultivan grelos e que contan xa cunha clientela feita ao longo dos moitos anos que levan nisto. E agora, o frío favorece o produto premiándoo cun sabor excepcional.

Esta zona vese beneficiada estes días co sol do mediodía e co frío durante toda a xornada. O frío proporciónalle á planta as condicions necesarias para que a nabiza se converta nun grelo rico e nutritivo. Un produto que achega a diario moitos clientes que veñen á comarca atraídos pola súa sona. Din os que se dedican a este cultivo que o mellor mes adoita ser o de febreiro. Pero este ano acabado de estrear parece que beneficia o grelo co frío que nos acompaña estes días.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

08/01/2019