CRTVG

Buscar

O frío fai multiplicar as axudas das entidades sociais aos máis vulnerables

Publicado o 20/02/2020 14:25

O frío que veu neste febreiro obrigou a incrementar as subministracións e mesmo a anticipar o horario de apertura do Centro Vieiro de Cáritas en Compostela. Baixa a temperatura e iso fai que suba considerablemente o número de persoas sen recursos que buscan refuxio, un café ou mesmo unha ducha quente.

Patricia Camiña, directora do centro, conta que estes días teñen que facer "o triplo de cafeteiras e repartir moita roupa interior, porque a xente dúchase, que ten moito frío, e o noso roupeiro está minguando".

Ángeles Ruiz, voluntaria desde hai tres anos neste centro, corrobórao. "A afluencia de persoas que veñen sobre todo a primeira hora da mañá é grande; algúns quedan bastante tempo porque é o único sitio que teñen para tomar café, e os que dormen na rúa veñen ducharse".

Por iso, cando o termómetro marca menos de dous graos adiantan a apertura da casa ás seis da mañá. Porque se cada día pasan por ela arredor de medio cento de persoas, nas xornadas máis frías esta cifra increméntase ata nun 50 por cento, e non chegan as mans para axudar.

"Hai poucas persoas que se atrevan a traballar cos sen teito porque lles dá medo ao principio, pero aquí estase ben", di Ángeles.

É difícil cuantificar o número de xente sen fogar nesta cidade. A noite pasada durmiron na rúa 11 persoas, e a media está entre 17 e 20. Pero neste centro da rúa Carretas, ademais de moita xente de paso e dos que esperan por praza nun albergue, hai tamén outro tipo de usuarios, como xente que si ten un teito pero moi precario polo alto custo da vivenda en Santiago.

O Concello de Santiago vai ceder este ano unha vivenda acondicionada para que esta entidade acolla xente sen fogar.

Noticias web

20/02/2020