CRTVG

Buscar

O frío e a seca do mes de xuño atrasan as colleitas

Publicado o 17/06/2019 13:54

O vento que axita insistentemente os campos de cereal da Limia e a seca prolongada están a deixar pegada nas leiras máis areosas, as que antigamente ocupaba a lagoa de Antela.

"As perdas van ser proporcionais ao tempo que pasemos sen chover. Nas parcelas máis secas xa se pode estimar en 10% e irá aumentando. Se o inicio de verán vén moi seco, podería ser o 50 ou 60%, pero para iso aínda falta moito", explica Servando Álvarez, director do Centro de Desenvolvemento Agrogandeiro do INORDE.

A pataca lévao mellor, pero o frío deste mes de xuño non a deixa crecer ao ritmo desexado. Isto, sumado a que a sementeira xa foi con atraso: estendeuse ata a primeira semana de xuño, cando o recomendable é facela na primeira quincena de maio.

"Para que realmente as plantas empezasen a desenvolver follaxe e tirar para arriba fan falta temperaturas medias por riba dos 20 graos e a semana pasada baixamos dos 4. Temperaturas de finais do inverno, practicamente", engade Servando.

A uva tamén vai máis amodo do habitual, pero compénsase porque, no caso por exemplo de Monterrei, levan dez días de adianto con respecto á campaña do ano pasado. Preocúpalles máis a chuvia anunciada, segundo avanza Miguel López, director técnico da D.O. Monterrei: "O estado sanitario é excelente, pero hai que controlar que as precipitacións desta semana non produzan brotes de mildium ou black rot e controlar as aplicacións pertinentes para evitalo".

As malas herbas son as máis beneficiadas polo tempo fresco que, ademais, reduce a eficacia dos herbicidas.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

17/06/2019