O frío e a pandemia inflúen nas compras de Nadal
Cada vez falta menos e hai que decidirse xa. Que lle encargamos a Papa Noel para os agasallos de Nadal? Na rúa hai quen pensa en calcetíns, nun gorro ou nunha bufanda, que vai moito frío.
De feito, o frío é un dos condicionantes que está influíndo nos agasallos de Nadal. Porque agora pasamos frío fóra e dentro.
Estela Sanjurjo, dona dunha mercería, di que vende sobre todo camisetas térmicas, sobre todo para institutos, xente nova e xente que traballa en naves. "Piden moito o tecido térmico", asegura.
Roupa para non pasar frío e roupa para estar na casa. Porque o confinamento tamén tivo os seus efectos nas nosas compras.
Ana Mouriño, dona dunha mercería, asegura que nos últimos meses, o que máis se vende é roupa para estar na casa, zapatillas e pixamas.
Pero este é, indubidablemente, un Nadal fóra do común e en moitos fogares celebrárano dun xeito extraordinario.
Na rúa encontramos a quen conta que este ano, polo tema da covid, decidiron que non ía haber agasallos de Nadal. "Pasarémolo ceando, ben e nun ámbito familiar, moi pequeno".
Porque a pandemia cambia os nosos hábitos de consumo, pero tamén as nosas prioridades.