CRTVG

Buscar

O frío conxela toda Galicia e leva os termómetros por debaixo dos cero graos

Publicado o 05/01/2021 14:48

Non fallaron as previsións. O frío conxela toda Galicia. Practicamente todo o interior de Galicia amenceu con temperatutas baixo cero. Media comunidade está en alerta amarela por baixas temperaturas.

Nas primeiras horas o protagonismo foi para as xeadas, unha vez que se retiraron as precipitacións que o luns foron de neve en cotas moi baixas. Hoxe, xa co ceo menos cuberto e sen chuvia, as temperaturas baixo cero deixaron unha paisaxe conxelada e un risco importante nas estradas.

Durante a madrugada as marcas máis baixas rexistráronse en Carballeda de Valdeorras, onde chegaron aos -9,5 graos. Practicamente nos mesmos rexistros estaban Calvos de Randín (-9,3), Manzaneda (-9,1), Verín (-8,3) e Viana do Bolo (-7,9). 

Hoxe, practicamente só as localidades da costa chegarán aos dez graos de temperatura. En canto á neve, a cota sitúase nos 500 metros de alitude, pero como non hai previstas precipitacións na maior parte de Galicia, será raro que se vexan caer as folerpas.

 

Noticias web

05/01/2021