CRTVG

Buscar

A Corte Penal Internacional advirte de posibles crimes de guerra en Xerusalén e Gaza

Publicado o 12/05/2021 12:52
A Corte Penal Internacional advirte de posibles crimes de guerra en Xerusalén e Gaza

A fiscala xefa da Corte Penal Internacional advirte de que tanto o exército israelí como as milicias palestinas poderían estar cometendo crimes de guerra e lesa humanidade na recente escalada de violencia en Xerusalén e Gaza.

As brigadas Al Qasam, brazo armado do movemento islamita Hamas, lanzaron este mércores contra Israel un mísil antitanque que causou un morto e dous feridos, segundo aclarou o exército hebreo tras informar, nun primeiro momento, de dous disparos.

O mísil impactaría contra un vehículo todo terreo na área da comunidade israelí de Netiv Ha'Asase, lindeira coa franxa de Gaza, apunta o medio dixital Times of Israel. Ademais, polo menos dúas persoas quedaron feridas, unha delas de gravidade.

Deste xeito, elévase a seis a cifra de falecementos en Israel tras  a morte esta madrugada dun árabe israelí e a súa filla adolescente polo impacto dun proxectil na cidade de Lod (centro do país).

As milicias palestinas seguiron lanzando foguetes na área mentres evacuaban as persoas feridas, no marco da actual escalada de violencia entre Israel e Gaza, segundo informa a canle de información web Ynet.

O exército israelí informara do disparo de dous mísiles antitanque, pero tras revisar o incidente indicou que só se lanzou un. O pasado luns, o grupo islamita Xihad Islámica disparara tamén un mísil contra un israelí que sufriu feridas leves.

Desde o luns, os grupos islamitas Hamas e Xihad Islámica lanzaron máis de 800 foguetes contra Israel, que alcanzaron Xerusalén e Tel Aviv. Pola súa banda, o exército israelí respondeu con máis de 500 bombardeos contra o enclave.

O intercambio de fogo causou ata o momento seis mortos en Israel e 43 en Palestina, 13 deles menores, no bloqueado e densamente poboado enclave de Gaza.

Noticias web

12/05/2021