CRTVG

Buscar

O FMI anticipa que España sufrirá a recesión máis aguda da zona euro en 2020

Publicado o 13/10/2020 20:45

O Fondo Monetario Internacional publicou novas previsóns. O FMI mellora as previsións para as grandes economías desenvolvidas agás para España. O produto interior bruto español vai ser o máis castigado este ano da zona euro, cun retroceso dun 12,8%.

Son catro puntos de caída máis que a media da eurozona e a mesma cifra que xa estimaban na anterior previsión do mes de xuño. Para o 2021, melloran nove décimas as perspectivas. Cren que a economía española avanzará un 7,2%.

Por detrás de España sitúanse Italia (cunha contracción do 10,6 %), Francia (-9,8 %) e Alemaña (-6 %), unha situación atribuíble en todos os casos ao impacto da pandemia pola covid-19, segundo o seu informe de Perspectivas Económicas Globais, presentado hoxe.

Para 2021, o Fondo prevé un repunte moderado na zona euro do 5,2 %, oito décimas menos do esperado en xuño, apoiado no "enorme e innovador" paquete de recuperación aprobado pola Unión Europea (UE) de 750.000 millóns de euros.

Por países, España crecerá un 7,2 % o próximo ano -unha cifra avanzada xa a finais de setembro-, nove décimas máis do previsto en xuño; seguida por Francia, un 6 % (1,3 puntos porcentuais menos que fai catro meses); Italia, un 5,2 % (1,1 puntos por baixo do estimado en xuño) e Alemaña un 4,2 % (1,2 puntos menos).

 

Noticias web

13/10/2020