CRTVG

Buscar

O fiscal xeral do Estado pídelles aos fiscais de Cataluña que interroguen os alcaldes

Publicado o 13/09/2017 20:32

O fiscal xeral do Estado pídelle aos fiscais de Cataluña que interroguen os alcaldes que asinaron un decreto onde ceden locais para celebrar as votacións do referendo do 1 de outubro. A instrución da Fiscalía inclúe a relación dos 712 concellos que, segundo a páxina web da asociación de municipios pola independencia, se puxeron a disposición da Generalitat, e aconsella que, á vista da cantidade, as citacións comecen polos alcaldes dos municipios máis poboados. O fiscal lembra que calquera conduta das autoridades que facilite a consulta pode constituír un delito. Por iso ordena que os Mossos deteñan os alcades que non respondan á citación. 

A maioría dos alcaldes afectados, agás os da CUP, aseguran que, voluntariamente ou non, pensan ir declarar.

Nesta lista non figura Barcelona. A alcaldesa Ada Colau limítase a dicir que o concello fará todo o posible para que se poida votar o 1 de outubro.

Os fiscais xefes de Barcelona, Xirona, Lleida e Tarragona reuníronse cos mandos do Mossos de Esquadra, a Garda Civil e a Policía Nacional, para trasladarlles a orde da Fiscalía Superior de impedir o referendo. A instrución da Fiscalía implica tamén os policías locais para que requisen urnas, sobres electorais ou calquera outro material relacionado co referendo. O maior dos Mossos xa lles ordenou aos seus axentes que investiguen os preparativos da consulta.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

13/09/2017