CRTVG

Buscar

O fiscal pide sobreser a causa contra Orozco no caso da ORA

Publicado o 02/09/2021 10:08
O fiscal pide sobreser a causa contra Orozco no caso da ORA
EFE

O Ministerio Fiscal solicitou o sobresemento da causa contra o que foi alcalde da capital lucense, José López Orozco, na peza instruída polo Xulgado de Instrución Número 1 de Lugo, cando Pilar de Lara era a titular, para investigar a existencia de supostas irregularidades na adxudicación do sistema ORA da cidade a cambio de subornos.

Nun escrito de 47 páxinas e con data do 30 de agosto, dirixido ao Xulgado de Instrución Número 1 e ao que EFE tivo acceso, o fiscal sostén que deben ser xulgados en cambio o que fora edil de Urbanismo —e posteriormente presidente da Confederación Hidrográfica Miño-Sil— Francisco Fernández Liñares e un suposto colaborador seu, Javier Manuel Reguera. Tamén o fundador do grupo Vendex Gervasio Rolando Rodríguez Acosta e o delegado da empresa en Galicia José María Tutor. Aos catro considéraos autores, por amañaren supostamente a adxudicación do contrato do sistema ORA na cidade de Lugo, dos delitos de tráfico de influencias, suborno e pertenza a grupo criminal.

Para os demais procesados, incluído o exalcalde de Lugo durante 16 anos, solicita "o sobresemento provisional" da causa, ao non quedar acreditada "a súa participación en ningún dos delitos que deron lugar á formación" das citadas dilixencias de investigación. De feito, o fiscal non aprecia indicios de delito no comportamento de López Orozco, a pesar de que no seu momento foi sometido a unha exhaustiva investigación centrada tanto no seu patrimonio como no dos seus familiares directos.

Esta causa é a última en que aparece como investigado o exalcalde de Lugo, despois de que fosen caendo, unha a unha, a decena de imputacións que tivo que afrontar na última etapa do seu mandato.

Noticias web

02/09/2021