O fiscal pide quince anos de prisión para un home acusado de abusar da súa fillastra en Poio
O xuízo desenvolveuse a porta pechada contra un home como suposto agresor sexual da súa fillastra cando ela tiña catorce anos. O informe do fiscal sinala que o acusado mantivo relacións sexuais coa menor sen o permiso dela. Os feitos tiveron lugar en Poio e foi a exparella do acusado e nai da vítima quen o denunciou en xaneiro de 2019.
"Espero que se faga xustiza. Pasaron xa tres anos e volver pasar por isto xa é dabondo".
Integrantes do Colectivo Feminista estiveron ante a Audiencia para apoiar a vítima e súa nai e para reclamar que o sucedido se considere delito en maior grao.
Jénifer Iglesias, presidenta do Colectivo Feminista de Pontevedra asegura que "co agravante de que foi pola parella da propia nai. Ou sexa, inda por riba con ese agravante e, en consecuencia, nós vimos reclamar que non é abuso, que é violación".
Catarina Cos, secretaria do Colectivo Feminista de Pontevedra, di que "consideramos que tanto a nai como a filla son vítimas. E iso, para apoialas e que saiban que teñen xente fóra. Hai veces en que as institucións non apoian o suficiente as vítimas, aínda que agardamos que neste caso se faga xustiza".
Nas conclusións provisionais o fiscal pide para o acusado quince anos e nove meses de prisión e a prohibición de achegarse a menos de trescentos metros de onde viva ou se atope a vítima durante 21 anos.