CRTVG

Buscar

O fiscal pide catro anos de prisión para Narcís Serra polos sobresoldos de Caixa Catalunya

Publicado o 20/03/2017 21:00

Tamén pide outros catro anos para Adolf Todó, ex-director xeral da entidade. Atribúelles un delito continuado de administración desleal e acúsaos de "buscar unicamente o beneficio propio"

A Fiscalía Anticorrupción pide catro anos de cárcere para o ex-presidente de Catalunya Caixa, Narcís Serra, polos soldos desproporcionados que cobraron el e a cúpula directiva da entidade. O fiscal atribúelle ao ex-ministro e ao ex-director xeral da antiga caixa delitos continuados de administración desleal.

Narcís Serra, o ex-director xeral Adolf Todó e outros 39 ex-directivos de Catalunya Caixa aprobaron no ano 2010 o incremento dos soldos da cúpula da entidade cando esta atravesaba unha difícil situación que xa a levara a pedir máis de 1.000 millóns de euros ao Fondo de Reestruturación Bancaria.

Á espera de que a Audiencia de Barcelona fixe data para o xuízo, o fiscal anticorrupción atribúelles un delito continuado de administración desleal e acúsaos de buscar unicamente o beneficio propio. Concorda deste xeito o Ministerio Público coa denuncia que presentara a Confederación Intersindical de Crédito, que solicitara a apertura de xuízo oral contra Serra e o resto de directivos por esta causa.

Non é a única fronte aberta para o ex-presidente de Catalunya Caixa e ex-vicepresidente do Goberno. Serra tamén está involucrado en supostas irregularidades cometidas en varias operacións inmobiliarias da entidade baixo o seu mandato.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

20/03/2017