CRTVG

Buscar

O fiscal Mueller non atopa probas de conspiración entre Trump e Rusia

Publicado o 25/03/2019 08:15

Non hai probas de conspiración entre o presidente Donald Trump e Rusia nas eleccións de 2016. É a principal conclusión do informe do fiscal especial Mueller, que deixa aberta, con todo, a posibilidade dun delito de obstrución á xustiza por parte do mandatario estadounidense. Os demócratas piden que se faga pública a investigación completa de Mueller, e  non só o resumo que onte entregou o fiscal xeral.

Un eufórico Donald Trump canta victoria. Rematan 22 meses de investigación que foron un auténtico crebacabezas durante o seu mandato.

"A cousa máis ridícula que escoitei nunca. Non houbo conspiración con Rusia. Non houbo obstrución nin nada de nada. Total e completa exoneración. É unha vergoña que un país teña que pasar por isto. É unha vergoña que un presidente teña que pasar por isto", dicía Trump.

Onte, o fiscal xeral dos Estados Unidos, William Barr entregaba ao Congreso as súas conclusións sobre o informe Mueller. A principal: que houbo inxerencia rusa nas eleccións americanas de 2016, mediante desinformación e uso das redes sociais, pero que non hai rastro de que a campaña de Trump ou outro cidadán estadounidense se coordinase con ela. A investigación remata con 34 imputados, entre eles, seis ex-asesores de Trump.

Mueller deixa, con todo, aberta a posibilidade de imputarlle o delito de obstrución á xustiza. Non o exonera. Dependerá de se se comproba que mentiu aos investigadores ou lle meteu presión ao ex-director do FBI James Comey, a quen ademais despediu, para que pechase o caso. Será agora o Departamento de Xustiza o que interprete se cometeu delito ou non.

Pero a batalla está lonxe de rematar. Os demócratas non se renden e esixen que o informe Mueller se faga público na súa totalidade, non só o resumo de catro páxinas do fiscal xeral.

"O informe Mueller debe facerse público", así o solicitou a senadora e candidata ás primarias demócratas á Casa Branca, Kirsten Gillibrand.

O presidente da Comisión Xudicial da Cámara de Representantes, o demócrata Nadler, manifestaba as súas discrepancias coa conclusións do informe.

"Non é unha exoneración total", dicía Nadler. Di que non hai unha total exoneración e que chamarán a declarar ao fiscal xeral Barr pola súa interpretación do informe Mueller.



 

Noticias web

25/03/2019