O fiscal mantén a petición de cinco anos de prisión para Liñares
Logo de tres xornadas, rematou o xuízo contra Francisco Fernández Liñares e os nove empresarios que, presuntamente, lle pagaron a cambio da concesión de obras na súa etapa como presidente da Confederación Hidrográfica Miño-Sil entre os anos 2009 e 2012.
A Fiscalía solicita para Liñares cinco anos de cadea e 10 de inhabilitación para cargo público. A causa derívase da operación Pokemon en que tamén se investiga se o principal acusado cometeu prevaricación cando era concelleiro en Lugo baixo a alcaldía de López Orozco. A defensa volveu pedir a libre absolución sobre todo por detectar irregularidades na fase de instrución.
"Non hai suficientes indicios nin probas de cargo para que se poida condenar a Liñares polos delitos que lle imputaba o Ministerio Público", defende Evaristo Nogueira, avogado de Francisco F. Liñares.
Durante a vista, todas as testemuñas, incluso oito dos empresarios xulgados, declararon que era práctica habitual que Liñares cobrara entre 15.000 e 35.000 euros por cada obra que se concedía dende o seu departamento. Tamén dixeron que recibía regalos tan diversos como troitas e coellos e ata madeira de eucaliptais por parte dos beneficiarios das obras.
A sentenza podería coñecerse en menos dun mes e, en caso de ser desfavorable para Liñares, o seu avogado anuncia que recorrerán ao Tribunal Supremo.