CRTVG

Buscar

O fiscal di que a pena de 17 anos para o autor do crime da rozadoira "é a correcta"

Publicado o 10/09/2019 13:29
O fiscal di que a pena de 17 anos para o autor do crime da rozadoira "é a correcta"

A Sala do Civil e o Penal do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) acolleu este martes a vista de apelación do crime cometido na Cañiza (Pontevedra) coñecido como crime da rozadoira e cuxo autor foi condenado pola Audiencia Provincial o pasado mes de abril a trece anos de prisión por un delito de asasinato e a catro por un de homicidio en grao de tentativa.

O fiscal na vista de apelación entende que "hai motivación suficiente" no acusado para non rebaixar a pena de 17 anos de prisión imposta pola Audiencia Provincial de Pontevedra, co que manifestou que "a pena é correcta".

Á hora de ditar a pena, a Audiencia aplicara unha eximente incompleta por considerar acreditado que o sospeitoso sufría unha "limitación parcial" das capacidades psíquicas cando cometeu os feitos.

Os feitos ocorreron en xuño de 2017 cando o condenado, o vigués José Luis V.A, atacou ao seu veciño e á súa filla cunha rozadoira acesa, causándolle a morte ao home e provocando lesións moi graves á súa filla nun camiño polo que mantiñan disputas desde facía tempo.

Na vista de apelación na que recorreron contra a sentenza, a defensa do condenado considerou que a pena é moi elevada e pediu rebaixala en dous graos ou subsidiariamente nun.

Así, a avogada acolleuse ao "estado psicolóxico" do defendido que, argumentou, tiña as súas "capacidades mentais diminuídas" e as "cognitivas limitadas" no momento dos feitos.

Os informes forenses da fiscalía sinalan que no ataque á filla non hai nada "que xustifique a rebaixa da pena". Así, dixo que a sentenza está "perfectamente motivada" e fixo referencia á conduta do procesado que se mostraba "agresivo" perseguindo á vítima, polo que, manifestou, non hai motivo para aceptar este recurso.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí