CRTVG

Buscar

O fiscal de Venezuela pide que Guaidó non saia do país e que lle conxelen as contas

Publicado o 29/01/2019 21:24

A ruptura do Goberno de España co de Maduro parece cada vez máis clara. Pedro Sánchez, de xira por América Latina, nada máis chegar á República Dominicana, reuniuse con opositores venezonalos, que lle agradeceron o apoio de España. E na clausura do congreso da Internacional Socialista Sánchez tamén lle quixo dar alento a Venezuela e referiuse a Maduro como un tirano. 

"Quen responde con balas e con prisións ás ansias de liberdade e de democracia non é un socialista é un tirano e, polo tanto, os venezonalos teñen que sentir o alento da Internacional Socialista. Teñen que sentir que a súa loita pola liberdade e pola democracia é a razón de ser dos nosos partidos políticos", afirma Pedro Sánchez, presidente do Goberno.

A situación en Venezuela semella que vai marcar a xira de Pedro Sánchez, que este mércores estará en México o único dos grandes países de America Latina que aínda non recoñeceu a Guaidó. Mentres, o réximo de Maduro reacciona e abre unha investigación pola proclamación de Juan Guaidó como presidente interino. O fiscal xeral pídelle ao Tribunal Supremo que lle impida a saída do país e que conxelen as súas contas.

Guaidó contéstalles dicindo que a única resposta que ten o líder chavista é a represión e a persecución.

"Non estou desestimando unha ameaza de cárcere e non quero que se tome así. O que lles digo é que non hai nada novo debaixo do sol lamentablemente. Un réxime que non lle dá resposta ao venezolano, a única resposta é a persecución, represión", asegura Juan Guaidó, autoproclamado presidente de Venezuela.

Guaidó insiste en que o único que sostén a Maduro son os militares e o manexo dos cartos públicos. Precisamente os Estados Unidos xa tomaron as primeiras medidas de presión económica. Washington sanciona a petroleira estatal venezolana. Conxelan os fondos da compañía nos Estados Unidos que son uns sete mil millóns de dólares, o que lle provocará outros 11.000 millóns de dólares de perdas.

Tras coñecer as sancións, Nicolás Maduro anunciou que tomará medidas legais: "Son ilegais, unilaterais, inmorais, criminais. Con estas medidas preténdese roubarnos a empresa Citgo a todos os venezolanos e venezolanas. Alerta Venezuela", avisa Nicolás Maduro, presidente de Venezuela.

Durante o anuncio dos Estados Unidos das sancións a Venezuela o conselleiro de Seguridade Nacional deixou á vista as súas notas, onde se pode ler "5.000 soldados en Colombia". Ante a pregunta de se estes datos se refiren a unha posible intervención militar en Venezuela, o Goberno estadounidense responde que "todas as opcións" están enriba da mesa.



 

Noticias web

29/01/2019