CRTVG

Buscar

O fiscal cualifica o 'procés' de golpe de Estado con medios violentos

Publicado o 04/06/2019 20:26

O acontecido arredor do un de outubro foi un pronunciamento civil contra o Estado en que se alentou os cidadáns ao uso da violencia, se deixou a orde pública en mans dos Jordis e do que Oriol Junqueras foi principal instigador. É o relato co que a Fiscalía xustifica a petición de condena polo delito de rebelión e os 25 anos de cadea ao ex-vicepresidente catalán.

Javier Zaragoza, fiscal, cre que "foi un golpe de Estado que, a xuízo de Kelsen, é nin máis nin menos que a substitución dunha orde xurídica por outra por medios ilegais. E isto é o que pretendían os acusados: derrogar, suspender ou modificar total ou parcialmente a Constitución".

A Avogacía do Estado discrepa: admite que houbo un alzamento tumultuario con uso da forza, pero encádrao na sedición porque cre que non foi nin organizada nin elemento nuclear do proceso.

Rosa Seoane, avogada do Estado, di que "o uso da violencia non foi un dos elementos estruturais do plan levado a cabo por parte dos acusados".

A acusación popular, encarnada por Vox, tentou convencer o tribunal para que tamén condene os acusados por organización criminal.

Javier Ortega-Smith, da acusación popular, pide que as penas vaian máis aló da finalidade punitiva, "pero tamén a finalidade disuasoria para que nunca máis ninguén se atreva a atentar contra o ordenamento constitucional".

O Supremo escoitará as conclusións das defensas o vindeiro martes.

 

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí