CRTVG

Buscar

O festival 'Viladomar, máis alá dos muros' ilustra a vila de Rianxo

Publicado o 08/09/2019 22:46

Rianxo convértese durante esta semana nun mural creativo en que artistas da vila e de fóra cobren coas súas intervencións os muros públicos. Estivemos con eles no seu terceiro día de traballo que quedará rematado o próximo venres.

Vai collendo feitura o polbo que o rianxeiro Vicente Barralla saca da ría para deixalo impreso no muro da praia de Tanxil.

"Vou facer unha interpretación, vou facer un chinchorro colorido, que á xente lle sorprenda un pouco, e achegándolle cousas. Por exemplo, nesta parte que vimos antes vai ser un mariñeiro, un patrón dun barco xogando ao xadrez cun polbo".

Na parede da Casa da República de Isorna, vixiadas pola lúa, medran flores e ramallos que saen da man de Doa, mentres a do centro cultural de Araño agarda, impoluta, pola intervención de Nana. Todas elas son parte desta primeira edición do festival de arte urbana.

"Xurdiu por darlle un pouquiño de vida a estes muros tristes que hai en Rianxo e en todas as partes de Galicia. E con artistas como temos aquí, que hai un grande movemento de arte urbana, e poden quedar máis bonitos", conta Pepa Martínez, presidenta da Asociación Ondiñas Mainas.

"E empezamos cos murais, porque nós dedicámonos a iso, pero a idea é un pouco facer intervencións no espazo público na vila de Rianxo e crear contido cultural a través das historias e lendas do contexto de Rianxo", conta Nove Noel.

Un festival en que Nove Noel foi precursor, xa o ano pasado con esta obra. Desde dentro da organización segue dando pulo para que Rianxo sexa unha vila de referencia tamén na arte urbana. Hoxe, cunha encarga persoal: este bateeiro será un mural sobre as ondas que sairá ao mar nas próximas festas da Guadalupe.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

08/09/2019