O Festiletras espalla a cultura desde a pequena aldea do Couto, en Ponteceso
Moi preto da casa natal de Eduardo Pondal, xunto á desembocadura do Anllóns, O Couto celebra as letras e a cultura galegas. Desta volta non o fai nun único espazo. A pandemia obrigou a cambiar as datas e tamén o formato do festival, agora máis conectado ca nunca cos pouco máis de oitenta habitantes deste pequeno núcleo rural.
Un paseo pola aldea descóbrenos os recunchos nos que cobra vida o Festiletras. As casetas de artesanía e os postos das cooperativas ocupan os espazos cedidos polos veciños. A Cooperativa Miudiño traballa sobre os alicerces da natureza, a infancia e o patrimonio cultural e esta fin de semana mostra aquí o seu traballo. No Couto, a arte muralista permite recuperar espazos degradados. A obra deste ano é unha homenaxe aos músicos da aldea.
A Fundación Eduardo Pondal encárgase de organizar cada ano o Festiletras. O festival tamén acolle o encontro Aldeas Singulares para coñecer proxectos que contribúen a facer país e futuro dende o rural. A aldea do Couto agarda por todos os que queiran compartir literatura, música e teatro.