CRTVG

Buscar

O feminismo reclama igualdade real nas rúas de Galicia

Publicado o 09/03/2020 09:36

8M GALICIA

O 8M foi en Galicia unha xornada reivindicativa. Milleiros de mulleres, e tamén moitos homes, volveron encher as rúas de cidades e vilas galegas para reclamar igualdade real e fin da violencia machista. Con manifestacións algo menos multitudinarias ca as dos últimos anos, o feminismo galego reclamou que se recoñeza o valor do traballo no fogar e dos coidados, que hoxe recaen maioritariamente nas mulleres. 

A ritmo de batuca, unha riada morada inundou as rúas de Vigo. Cincuenta mil persoas, segundo cifrou o Concello. Foi a máis multitudinaria de Galicia, a pesar do descenso de afluencia respecto a anos anteriores.

Baixo o lema "Sen coidados non hai vida", este ano o movemento 8M reivindica o recoñecemento do traballo doméstico e dos coidados, que non deben ser obriga da muller, pero tamén pon o acento na precariedade laboral, a violencia sexual, o teito de cristal.

O acto central do 8M en Santiago tamén se celebrou pola tarde. Arrancaba na praza 8 de marzo ás sete e media da tarde e percorría toda a zona vella para acabar no Obradoiro.

Na Coruña, a manifestación do Día da Muller partía ao mediodía do Obelisco.

A manifestación desembocou na praza das Cigarreiras, escenario da primeira folga de mulleres en Galicia, no ano 1857.

Proclamas contra o patriarcado, a discriminación e a violencia machista tamén se escoitaron nas rúas de Ourense. Xa pola mañá, na concentración da praza Maior.

Ao serán, milleiros de persoas percorreron as rúas máis céntricas da cidade reclamando igualdade real de dereitos e oportunidades para as mulleres.

Noutras localidades da provincia, como Celanova, Trives, O Carballiño ou Xinzo, tamén celebraron actos de reivindicación feminista.


Na provincia de Lugo, numerosas vilas tinguíronse de morado. En Sarria, Guitiriz, Foz e na propia capital, milleiros de persoas clamaron pola igualdade e pola liberdade sexual e para visibilizar as vítimas da violencia machista, que este ano xa matou 14 mulleres en toda España.

Noticias web

09/03/2020