CRTVG

Buscar

O feminismo mobiliza milleiros de mulleres en España a pesar da pandemia

Publicado o 09/03/2021 10:14

A prohibición de celebrar marchas en Madrid converteu este ano Barcelona no epicentro das reivindicacións feministas. Superou as previsións das organizadoras. No paseo de Gracia reuníronse 4.500 manifestantes, segundo a Garda Urbana, na concentración estática para cumprir as restricións sanitarias baixo o lema "Xuntas, diversas e rebeldes. Xuntas imparables".

Xa pola tarde, o protagonismo era das estudantes, en demanda dunha educación menos sexista.

Moi multitudinaria foi tamén a concentración en Bilbao; sete mil persoas marcharon para denunciar que a crise sanitaria, económica e social alimentou aínda máis as desigualdades de xénero. Acabaron diante da Oficina de Estranxeiría para clamar contra o machismo e o racismo.

En Madrid, a pesar da prohibición xudicial, moitas mulleres desafiaron o veto e saíron á rúa. Unhas concentráronse na praza de Callao; outras, diante dos seus portais.

No distrito madrileño de Ciudad Lineal, mulleres e veciños concentráronse diante do mural feminista que amenceu vandalizado por colectivos contrarios ao feminismo. Os propios veciños imprimiron e pegaron unha réplica cos rostros desas 15 loitadoras pola igualdade.

En Málaga, bailes, música e distancias de seguridade para denunciar a precarización da vida da muller por mor da pandemia.

Valencia, Zaragoza, Granada, Mérida..., con pandemia ou sen ela, o feminismo demostrou onte que segue máis vivo ca nunca e que o seu berro segue sendo imprescindible e imparable.

Noticias web

09/03/2021