CRTVG

Buscar

O faro de Corrubedo converterase en hotel e restaurante

Publicado o 07/01/2019 16:45

Chamábanlle o 'faro comunista' porque houbo que instalarlle un sector vermello na lanterna para que non o confundisen co de Sálvora. Dende 1852, o faro de Corrubedo preside a entrada sur da ría de Muros, unha zona especialmente complicada para a navegación.

Anxo Rodríguez, empresario: "Está chea de baixos, de rochas que están entre dúas augas, no que baixa e sube a marea. Aquí producíronse varios afundimentos de barcos, tanto de persoas como de mercadorías, e de aí a importancia de sinalizar este punto de tan difícil navegación costeira".

É especial pola súa situación practicamente a nivel do mar, e polo seu deseño ao xeito dos faros británicos. Co tempo automatizouse o seu funcionamento e todo este conxunto quedou deshabitado. Agora, por concesión da Autoridade Portuaria de Vilagarcía, unha empresa vai rehabilitalo para usos turísticos.

Anxo Rodríguez, empresario: "As instalacións no exterior vanse rehabilitar ao seu estado orixinal, e logo imos facer que esa estética conviva con servizos do século XXI".

Un hotel de catro estrelas con once cuartos, un restaurante no edificio do faro, un bar e un centro para usos sociais. Con este proxecto queren atraer un turismo de gama alta, e máis alá do verán. 

Anxo Rodríguez, empresario: "Nos días de inverno, de temporal, esta é unha zona moi concorrida, e precisamente queremos aproveitar esas características e acoller á xente que queira vivir o máis cru do inverno, que tamén ten o seu encanto aquí".

Contan con comezar as obras axiña e que este complexo hostaleiro poida inaugurarse antes do próximo verán.


 

Noticias web

07/01/2019