O Fabril e o Celta B collen aire na xornada da Segunda B
Imos co que aconteceu na 2ª B. O Celta B gañou en Bouzas. O Coruxo sacou un valioso empate ao líder. Mágoa o empate que cedeu o Pontevedra no tempo engadido e en Abegondo Luisito comezou con triunfo. O Fabril non perde a fe na salvación.
Aire fresco para o Fabril. A chegada de Luisito traduciuse nunha importante vitoria contra o Burgos cos goles de May e Joni no treito final do partido. O filial segue de último, pero as cousas vense doutro xeito.
Luisito, adestrador do R. C. Deportivo Fabril: "Estou moi feliz, non por min, polos rapaces, que levan sufrindo moito tempo e esta semana non o pasaron nada ben".
Xusto por diante do Fabril segue o Rápido, que perdeu o derbi tras xogar media hora en inferioridade por expulsión de Iago López. O Celta B aproveitouno e levou os puntos sobre a bucina co gol de Mancebo. Míchel acabou moi alporizado con Iván Salvador, que provocou a expulsión.
Míchel Alonso, adestrador do Rápido de Bouzas: "Podemos facer unha enquisa na Segunda B a ver que pensan deste rapaz. Non vou dar consellos, pero ademais do futbolístico é importante que eduquen os rapaces".
O Celta B colle catro puntos sobre a zona quente, e o Coruxo está a outros tantos do play-off de ascenso, tras empatar co líder na casa. O Fuenlabrada adiantouse á media hora co gol de Cedric, que neutralizou, desde o punto de penalti, Manu Justo. Peores sensacións deixou o empate do Pontevedra contra o Internacional. Os granate remontaron o tanto inicial de Morante. Empatou Romay, e despois chegou a discutida expulsión de Álex González nesta acción. Malia a todo, Álvaro Bustos puxo o dous a un nunha xogada embarullada na área. Cando xa parecía que os puntos quedaban en Pasarón, o galego Rafa Mella debuxaba unha parábola perfecta á liña de flotación dos de Luismi.
Luismi Areda, adestrador do Pontevedra C. F.: "Tocados, ou amolados. Estamos fastidiados, porque fixeramos un grande esforzo na segunda parte e mereciamos mellor recompensa".
Terceira galega
Vexan o gol que marcou Pablo Rey no campo do Céltiga. Golazo que confirma a hexemonía do Racing. Líder da 3ª con 51 puntos. E a dous puntos do Rácing sitúase o Bergantiños. Por enésima vez apareceu Rubén Rivera para desatarcar o partido ante o Paiosaco.