CRTVG

Buscar

O experto en saúde pública Rafael Bengoa cre inevitable unha terceira onda despois do Nadal

Publicado o 13/12/2020 14:19


Rafael Bengoa, experto en saúde pública e exdirectivo da OMS, cre que non aprendemos nada do sucedido na segunda onda, e pasamos de querer salvar o verán a querer salvar o Nadal. Asegura que as restricións aprobadas para as festas son insuficientes cun virus que se contaxia por persoas sen síntomas e nun país cunha incidencia acumulada duns 200 casos por cada 100.000 habitantes. Bengoa defendeu un confinamento domiciliario xa no mes de novembro. Agora cre que será inevitable se se produce unha terceira onda.

 Rafael Bengoa, experto en saúde pública: "Si, é probable que haxa unha terceira vaga con menos agresividade, pero nestes momentos é imposible saber aínda a forma que tomará"

Este experto en saúde pública insiste na necesidade de reforzar a atención primaria e a capacidade de rastrexo para controlar os gromos como se fixo en Galicia.

 Rafael Bengoa, experto en saúde pública: "Noutras partes de España non se fixo ese investimento, non se tivo esa actitude de reforzamento e polo tanto os gromos volverán ser de extensión comunitaria, como vimos. E nese momento xa se che vai das mans, eu creo que en Galicia se poderán controlar os gromos, pero iso non depende só da Adminstración, senón tamén do noso comportamento no Nadal".

Con todo, Bengoa cre que este 2021 será un bo ano porque cada vez se sabe máis do virus e hai non só varias vacinas eficaces senón tamén diversos medicamentos para tratalo.

Rafael Bengoa, experto en Saúde Pública: "Esperemos que pronto haxa unha campaña de vacinación a distintos grupos para que a xente entenda que cantos antes nos vacinemos, antes chegaremos á inmunidade de grupo e poderemos quitar a máscara no verán-outono".

Noticias web

13/12/2020