O exmozo de Nerea Añel acóllese ao dereito a non declarar e volve á prisión
O exmozo de Nerea Añel, que aparecera morta con sinais de violencia en Barbadás, acolleuse ao seu dereito a non declarar e reingresou na prisión, onde cumpre condena por outros delitos.
Segundo informa o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), o home, de 31 anos, foi trasladado ao Xulgado de Instrución número 3 de Ourense, que leva os casos de violencia machista, para comparecer en calidade de investigado por un delito de homicidio. Queda pendente precisar se foi "con dolo ou por imprudencia".
A policía considera que a reconstrución practicada este luns foi "esclarecedora ao obxecto de reafirmar a súa relación" coa morte da moza.
O investigado estaba no cárcere do Pereiro de Aguiar por un delito de furto nun bar de Ourense. É un vello coñecido da policía, con case 40 detencións anteriores relacionadas con roubos e tráfico de drogas. A investigación permanece baixo segredo de sumario.
Nerea Añel desaparecera en Ourense a mediados de xaneiro de 2020. A súa familia perdéralle a pista na noite de Reis. Despois de meses de procura, dous sendeiristas localizaron o cadáver en setembro do pasado ano no lugar dos Muíños, unha vila abandonada de Barbadás.