CRTVG

Buscar

O exército e a policía transportan o combustible en Portugal para garantir o abastecemento

Publicado o 14/08/2019 09:05

E se pensan ir esta ponte festiva a Portugal, teñan en conta que hai folga de transportistas. Co exército mobilizado para transportar combustible, unha medida que foi criticada polo perigo de que non profesionais conduzan camións de mercadorías perigosas, a situación mellorou con respecto ao luns. Agora, o Goberno media entre folguistas e patronal para tentar resolver o conflito laboral.

O Goberno portugués asegura que o país ten garantido o abastecemento de combustible a curto prazo, trala intervención do exército e da policía, que están repartindo alá onde non chegan os servizos mínimos. Os maiores problemas atópanse no sur do país, especialmente no Algarve. Segundo os últimos datos oficiais, hai 460 gasolineiras pechadas por falta de suministro.

O principal sindicato de tranportistas alerta de que en 24 horas estará en risco o abastecemento nos hospitais, pero o Goberno négao. Para evitar o caos, aprobou unha medida legal que lle permite obrigar aos transportistas en folga a traballar, con penas de cárcere se non o fan.

Unha medida alabada e criticada a partes iguais, porque son moitos os que pensan que limita o dereito a folga.


"Todos os traballadores teñen dereito a manifestarse, pero teñen que facelo de maneira que non prexudique o normal funfionamento do noso país", "o Goberno ten que tomar medidas para evitalo, é a miña opinión"

Coas cousas así en Portugal, as gasolineiras galegas dos concellos de Tui, Tomiño ou Salvaterra multiplican a súa demanda, polo incremento de cidadáns lusos que veñen encher o depósito ao outro lado da fronteira. Polo de agora non hai problemas de suministro, pero din que pode habelos se a folga se prolonga por moito tempo.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

14/08/2019