CRTVG

Buscar

O exceso de peso nas mochilas escolares pode ocasionar doenzas no lombo

Publicado o 04/09/2019 17:54

Achégase o inicio do curso escolar e a elección da mochila e, sobre todo, o peso que van levar ás costas os rapaces non é unha cuestión menor. Os médicos achegan recomendacións básicas para evitarlles aos estudantes doenzas no lombo.

A aula dixital segue en minoría fronte aos libros de texto, os dicionarios e os cadernos en papel, e iso vese en canto comeza o curso, coa carga que levan ás costas moitos estudantes que aínda están medrando.

O traumatólogo Alberto Díez Ulloa explica que non hai acordo sobre canto é o peso máximo que se pode levar. "O sentido común fala un pouco dun 15 por cento, a sexta parte do peso corporal, ou sexa que se un neno que pesa 40 quilos parece lóxico que non leve ás costas máis de seis ou sete".

Unha mochila ergonómica, o máis axustada posible ao corpo e con tiras anchas para os ombreiros sería a máis recomendable. Ademais, é importante evitar as asimetrías, non levar o peso enriba dun só lado. E ollo porque a alternativa do carriño con rodas non ten por que ser mellor.

Alberto Díez Ulloa, traumatólogo do CHUS, puntualiza que en principio "o carro descarga o lombo, pero se se leva co corpo rotado está provocando tamén unha sobrecarga nun lado".

A hixiene postural e media hora de exercicio ao día son boas receitas para previr problemas xa desde ben pequenos, porque un neno con dor de lombo ten moitas posibilidades de ser un adulto con doenzas dexenerativas na columna vertebral.
 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

04/09/2019