CRTVG

Buscar

Tirar máscaras e luvas ao chan podería ter unha multa

Publicado o 27/05/2020 15:55

Cada vez máis, pódense ver no chan. Pódense ver das de tea, e pódense ver tamén das cirúrxicas.

Preguntamos, entón, aos que varren a rúa se son realmente tantos os que atopan nunha cidade coma Santiago.

"Un peón de varrida vén facendo uns 16 quilómetros en seis horas e media de traballo e pode atopar uns 30 pares de guantes".

E son uns 20 varredores cada día. Boten a conta das luvas e as máscaras que atopan sobre todo en aparcadoiros. Hai quen ten o costume de tirar dende o coche toda esta variada gama de probas de irresponsabilidade.

"E guantes destes do súper, que van por aí voando".

Son imaxes que invitan á reflexión, porque estes perigos andantes non só voan, tamén nadan. Son imaxes de ecoloxistas franceses. Denuncian o potencial perigo para a saúde e o dano para o medio.

A cidade de Roma pasou á acción: impón multas de ata 500 euros a quen tire máscaras e guantes na cidade.

"Paréceme ben. Aquí tamén se debería facer".

O primeiro que debemos facer aquí é ter claro onde tiralos.

"O que marca a orde ministerial é que os equipos de protección individual sempre deben ser depositados no contedor de restos. É dicir, na zona de Santiago no contedor verde de toda a vida".

Sempre na papeleira ou no colector verde, e non no amarelo por un motivo claro: "Porque non é un material reciclable".


É un material para volver reflexionar.

Noticias web

27/05/2020