O exalcalde Martiño Noriega deixa a súa acta de edil no Concello de Santiago
O exalcalde santiagués Martiño Noriega abandona a súa acta de concelleiro no Concello de Santiago, onde exerce como portavoz de Compostela Aberta desde hai un ano, tras a perda do goberno da capital galega nas eleccións municipais de maio de 2019.
A decisión, avanzada pola Cadea Ser e confirmada por fontes de Compostela Aberta, será feita pública este martes nunha conferencia de prensa no Pazo de Raxoi en que Noriega estará acompañado polo concelleiro Rafael Peña, que tamén abandona a súa acta como edil.
A renuncia de Noriega prodúcese dous días despois das eleccións autonómicas, nas que Galicia En Común-Anova Mareas (candidatura en que o exalcalde ocupaba o número tres da lista pola Coruña) non logrou representación na Cámara galega para o próximos catro anos.
Con todo, o tamén exrexedor do concello de Teo xa anunciara a súa intención de abandonar as súas responsabilidades municipais a finais do pasado ano, aínda que prolongou a súa estadía no concello ata este verán, unha responsabilidade que, desde a crise da COVID-19, compaxina co seu traballo como médico en atención primaria.
Noriega iniciou a súa carreira no BNG, formación pola que foi electo en 2007 e 2011 como alcalde de Teo. Abandonou o Bloque en 2012 para, seguindo os pasos do seu mentor político Xosé Manuel Beiras, fundar Anova, organización na que ocupa cargos directivos.
En 2015 encabezou a candidatura muncipalista Compostela Aberta, que venceu nas eleccións locais e levou a Noriega á Alcaldía de Santiago, posto que abandonou na primavera de 2019 para ceder o bastón de mando ao socialista Xosé Sánchez Bugallo despois de que a marea perdese a metade dos apoios logrados catro anos atrás.