O exalcalde de Vigo, Ventura Pérez Mariño, ingresado no hospital Álvaro Cunqueiro tras ser rescatado da auga cando se sentía indisposto

O exalcalde de Vigo, Ventura Pérez Mariño, de 72 anos de idade, permanece ingresado no hospital Álvaro Cunqueiro da cidade olívica, a onde foi evacuado a última hora deste mércores, tras ser rescatado do mar nunha praia de Cangas cando se sentía indisposto.
Foi un particular o que alertou, pouco antes das 21:00, de que varias persoas sacaran do mar un home "cun baixo nivel de consciencia". Ata o lugar desprazáronse Urxencias Sanitarias de Galicia-061, da Policía Local e do Servizo Municipal de Protección Civil. Informouse tamén dos feitos a Salvamento Marítimo e o Servizo de Gardacostas de Galicia.
Foi unha ambulancia quen trasladou ata o hospital a Ventura Pérez Mariño, onde quedou ingresado. Fontes próximas á familia sinalaron que "o momento crítico xa pasou" e "parece que se vai recuperar".