CRTVG

Buscar

O ex-xuíz Moro dimite como ministro de Xustiza e acusa a Bolsonaro de "interferir" na loita contra a corrupción

Publicado o 24/04/2020 20:07

O ex-xuíz Sergio Moro renunciou este venres ao cargo de ministro de Xustiza de Brasil, tras expoñer unhas profundas diferenzas co presidente Jair Bolsonaro, sobre quen insinuou que incumpriu o seu "compromiso" de loita contra a corrupción. A dimisión de Moro, visto por vastos sectores conservadores como unha sorte de "defensor da xustiza", deixa o Goberno do líder da ultradereita ferido, sobre todo porque o ex-maxistrado non se gardou nada na súa despedida, motivada pola decisión de Bolsonaro de destituír o xefe da Policía Federal, Mauricio Valeixo.

Moro, o ministro brasileiro con máis apoio popular, anunciou a súa renuncia nunha comparecencia ante a prensa, na cal asegurou que a destitución de Valeixo era unha "interferencia política" do gobernante en investigacións do Poder Xudicial, que cualificou de "inaceptable".

Segundo o agora ex-ministro, Bolsonaro incumpriu o "compromiso" asumido con el, de que tería "carta branca" no nomeamento dos seus asesores directos e na loita anticorrupción, na cal é clave a Policía Federal, que depende do Ministerio de Xustiza. Tamén insinuou que o gobernante pretende poñer á fronte da Policía Federal "unha persoa" que lle responda directamente e informe sobre a marcha de investigacións, sobre as cales non abundou, pero que se cre que poden chegar ao círculo familiar de Bolsonaro.

Así mesmo, suxeriu que o Goberno pode incorrer nun grave delito, xa que o decreto co que se destituíu a Valeixo, publicado no 'Diario Oficial' este venres, leva a firma do presidente e do propio Moro. "Souben da exoneración a través do 'Diario Oficial' e non asinei ese decreto", garantiu Moro, quen gañou fama na loita contra a corrupción como xuíz da operación Lava Jato, que levou a prisión adecenas de empresarios e políticos, como o ex-presidente Luiz Inácio Lula da Silva. "Teño que preservar o meu nome e o compromiso que asumín co presidente de que seriamos firmes contra a corrupción, e iso implica que debemos garantir o respecto á lei e á autonomía da Policía Federal, sen interferencias políticas", declarou.

A fiscalía pídelle o Supremo que abra unha investigación contra Bolsonaro

O fiscal xeral de Brasil, Augusto Aras, solicitou á Corte Suprema a apertura dunha investigación contra o presidente do país.  A posible apertura dunha investigación ten como obxectivo esclarecer se Bolsonaro cometeu un eventual delito de falsidade ideolóxica, coacción, prevaricación ou obstrución á Xustiza, entre outros, segundo un comunicado da Fiscalía. "A dimensión dos episodios narrados revela a declaración do ministro de Estado de actos que revelarían a práctica de (actos) ilícitos, imputando a súa práctica o presidente da República", explicou Aras.

O fiscal xeral, con todo, precisou que, no caso de que as acusacións de Moro non se comproben, a declaración do ex-ministro podería constituír un delito de "denuncia calumniosa". Na súa solicitude, o fiscal suxire ao Tribunal Supremo de Brasil que tome declaración a Moro para que poida esclarecer formalmente as acusacións realizadas.

Tras a dura declaración de Mouro, Bolsonaro realizou hoxe un pronunciamento no que descualificou o seu agora ex-ministro e negou tentar interferir na actuación da Policía Federal, como argumenta o ex-maxistrado. "Fálase dunha interferencia miña na Policía Federal, pero se podo cambiar un ministro, por que non podo cambiar o director da Policía Federal sen pedirlle autorización a ninguén", expuxo o mandatario, quen arroupado por moitos dos seus ministros afirmou que Moro probou que "tiña un compromiso con el mesmo e non co Brasil"


 

Noticias web

24/04/2020