CRTVG

Buscar

Francisco González, sen medidas cautelares tras declarar polo caso Villarejo

Publicado o 18/11/2019 15:58

• "Os directivos traballaron sempre de xeito exemplar"

O ex-presidente do BBVA Francisco González declarou este luns como investigado na Audiencia Nacional polo escándalo dos traballos de espionaxe que encargou a entidade bancaria ao  excomisario José Villarejo sen que a Fiscalía pedise medidas cautelares para el.

Tras dúas horas e media de comparecencia ante o xuíz e os fiscais do caso Villarejo, o ex-banqueiro fixo unha breve declaración aos medios e, aínda que non deu detalles do interrogatorio por atoparse a causa baixo secreto, asegurou que contestou a todas as preguntas "con toda transparencia e claridade".

"Si podo dicirlles -destacou- que unha vez que termine esta investigación, quedará moi claro, repito, moi claro, que o grupo BBVA e os seus directivos traballaron sempre de maneira íntegra e exemplar, quéroo dicir así de claro, sen prexuízo, como é lóxico, de que houbese algunha conduta individual de carácter irregular que eu neste momento descoñezo".

Neste sentido lembrou que, tras ter coñecemento en maio de 2018 de que "o grupo Cenyt (propiedade de Villarejo) prestara algúns servizos ao grupo BBVA", decidiron abrir unha investigación para "determinar o alcance dos traballos" e que el xa entón manifestou explicitamente o seu interese en declarar.

O BBVA, insistiu, é "unha grande institución internacional enormemente respectada que traballa en beneficio non soamente dos seus clientes e accionistas, senón que tamén presta servizos relevantes á sociedade".

Desde que en xullo o xuíz Manuel García Castelló decidise imputar ao banco como persoa xurídica -que debe declarar este mércores na peza número 9 do caso, que permanece secreta-, González soubo que el tamén sería chamado a declarar e por iso levaba tempo preparando co seu avogado esta comparecencia.

Chegado finalmente o día, o ex-banqueiro -coñecido no mundo económico como FG- respondeu ás preguntas do xuíz, dos fiscais e do seu avogado, Jesús Santos, ex-tenente fiscal da Audiencia Nacional e defensor do PP en Gürtel.

Foi dos poucos que optou por non acollerse ao seu dereito a non declarar co argumento de que esta peza permanece secreta, circunstancia que levou á maior parte da decena de cargos e  excargos da entidade imputados a rexeitar prestar declaración á espera de que a investigación deixe de estar reservada.

O único que se decidiu a falar foi Antonio Béjar, ex-presidente de Distrito Castelllana Norte (operación Chamartín) -sociedade participada polo BBVA-, foi destituído a finais de xullo por mor da súa imputación.

Béjar, que fora director de Riscos e Recuperacións Inmobiliarias de BBVA, explicou a primeira vez que declarou que os servizos prestados por Cenyt para a súa área de responsabilidade estarían relacionados co seguimento de clientes morosos.

A relación entre BBVA e Cenyt comezou en 2004, cando a construtora Sacyr tentou sen éxito facerse co control da entidade pola suposta recomendación de Julio Corrochano, ex-xefe de Seguridade do banco durante boa parte da presidencia de FG e antigo comisario de Policía.  Corrochano xa compareceu por estes feitos ante o xuíz, que lle impuxo unha fianza de 300.000 euros.

Antes que González compareceu como testemuña o ex-director de comunicación do BBVA Javier  Ayuso, que contestou ás preguntas dos fiscais en relación ás funcións que desempeñou hai anos na entidade e sobre o coñecemento que tiña dos traballos de Villarejo dada o seu labor de investigación cara a 2015 como xornalista do diario El País, pola que presuntamente foi ameazado polo ex-comisario, indicaron fontes xurídicas.

O interrogatorio de Ayuso, que tamén foi xefe de prensa da Casa Real, enmarcouse nos datos que achegou á investigación interna do BBVA, que foi impulsada por Francisco González e ampliada coa chegada de Carlos Torres Vila á presidencia da entidade en 2019, e cuxos resultados se foron achegando á xustiza.

Tamén declarou o inspector de policía xubilado Antonio Bonilla, imputado en varias pezas do caso, e que no seu día asegurou ao xuíz que parte do diñeiro que cobrou da empresa de Villarejo foi por elaborar informes de "risco país" para o BBVA, o que provocou que o fiscal suxerise a súa imputación na peza que vira en torno ao banco.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí