O ex-administrador da inmobiliaria Mahia deféndese das acusacións
Malia que neste caso hai seis acusados, Ramón López Casal, administrador único da inmobiliaria Mahia desde que entrou na sociedade, no ano 91, eríxese como o cerebro das operacións de compravenda que se xulgan e deixa á marxe os outros cinco acusados, entre os que están dous fillos seus.
Non quixo responder as preguntas da acusación particular, que representa o seu ex-socio Manuel Gómez Maroñas, pero si as da fiscalía, que durante máis dunha hora de interrogatorio tratou de desenmarañar a trama de empresas e sociedades vinculadas a López Casal, máis de cincuenta segundo os datos do rexistro mercantil.
A fiscala, que pide para López Casal 12 anos de prisión por administración desleal, apropiación indebida e delitos societarios, considera que creou esa trama para desviar o negocio da inmobiliaria Mahia ás súas empresas particulares, sen renderlle contas ao ex-socio, que reclama dez millóns de euros.
El negouno reiteradamente. Proclámase o artífice do éxito empresarial de Mahia e asegura que cada un dos tres socios que compartían a partes iguais o capital da inmobiliaria tiña, a maiores, as súas propias empresas. Atribúe a unha estratexia de mercado e a simples cuestións administrativas os delitos que lle imputan.